sábado, 7 de diciembre de 2013

Xornadas "Feminismo é Saúde"


Unha vez máis tiven o pracer de ser convidada a unhas xornadas de mulleres potentes, onde falar desas cousas que se estiran coma raíces para facernos medrar. Estiven moi ben arroupada, tanto na mesa, onde tiven o gusto de estar xunto a Lola Ferreiro, como por todas as que estabades enchendo a sala da Normal, e sentín que levaba moitos pedaciños de min e de vós mentres falaba de Masturbación e Boas Linguas, coas vosas fotografías danzando polo espazo.

A través das miñas vivencias persoais e profesionais fun recollendo moitas pezas, e achegándome cara onde sinto que encaixan. Masturbación é Boas Linguas é, sen dúbida, un destes lugares.

Betty Dodson, unha das gurús da masturbación dos nosos tempos á cal eu levo comigo a cada encontro co autoerotismo, comeza "Sexo Para Unha" cunha dedicatoria: "Dedícome este libro, porque sen o amor que sinto por min mesma nunca o tería escrito"

A relación de amor e de pracer con nós mesmas ten para min moito que ver con isto: é como un centro a través do que podemos medrar e expandirnos, para ir cara onde queiramos no sexo e en todo o que desexemos. Un eixo así é imprescindible para transformar a base da que partimos respecto do noso benestar, da nosa sexualidade, e da posición que aprendimos que ocupamos no mundo; para manternos en íntima relación de amor e pracer con nós mesmas, situando nun lugar próximo, íntimo e cálido o noso corpo, as nosas fantasías, os nosos desexos, o noso pracer, os nosos límites, os coidados que nos damos e os que sentimos que merecemos que nos dean @s demais... Para sentirnos lexítimas de toda a potencialidade que temos, de desenvolvela e desfrutala.

Para isto saco das xornadas unhas poucas ideas (xunto a todas as que se te ocorreron xa, e moitas outras novas): manter os encontros eróticos con nós mesmas como citas importantes (ou é que temos algunha razón para coidarnos ou desfrutarnos menos?); facer de Betty Dodson unha boa amiga; conversar con Lola Ferreiro sobre a saúde das mulleres (e sobre calquera outro tema); buscar e xerar materiar erótico no que nos sintamos representadas; xuntarnos con outras para ter un espazo común e falar e falar e falar, e desenvolver proxectos que nos potencien colectiva e individualmente.... E moitas máis!

Grazas a Acción Rabuda e á Universidade da Coruña por crear e apoiar estes espazos, e a Pablo Maribolherx polas imaxes. Seguiremos encontrándonos para espallar saúde e praceres!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Adoro enredarme entre as verbas das mulleres, así que tira da madexa, estás na túa casa!