Mostrando entradas con la etiqueta charlas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta charlas. Mostrar todas las entradas

sábado, 7 de diciembre de 2013

Xornadas "Feminismo é Saúde"


Unha vez máis tiven o pracer de ser convidada a unhas xornadas de mulleres potentes, onde falar desas cousas que se estiran coma raíces para facernos medrar. Estiven moi ben arroupada, tanto na mesa, onde tiven o gusto de estar xunto a Lola Ferreiro, como por todas as que estabades enchendo a sala da Normal, e sentín que levaba moitos pedaciños de min e de vós mentres falaba de Masturbación e Boas Linguas, coas vosas fotografías danzando polo espazo.

A través das miñas vivencias persoais e profesionais fun recollendo moitas pezas, e achegándome cara onde sinto que encaixan. Masturbación é Boas Linguas é, sen dúbida, un destes lugares.

Betty Dodson, unha das gurús da masturbación dos nosos tempos á cal eu levo comigo a cada encontro co autoerotismo, comeza "Sexo Para Unha" cunha dedicatoria: "Dedícome este libro, porque sen o amor que sinto por min mesma nunca o tería escrito"

A relación de amor e de pracer con nós mesmas ten para min moito que ver con isto: é como un centro a través do que podemos medrar e expandirnos, para ir cara onde queiramos no sexo e en todo o que desexemos. Un eixo así é imprescindible para transformar a base da que partimos respecto do noso benestar, da nosa sexualidade, e da posición que aprendimos que ocupamos no mundo; para manternos en íntima relación de amor e pracer con nós mesmas, situando nun lugar próximo, íntimo e cálido o noso corpo, as nosas fantasías, os nosos desexos, o noso pracer, os nosos límites, os coidados que nos damos e os que sentimos que merecemos que nos dean @s demais... Para sentirnos lexítimas de toda a potencialidade que temos, de desenvolvela e desfrutala.

Para isto saco das xornadas unhas poucas ideas (xunto a todas as que se te ocorreron xa, e moitas outras novas): manter os encontros eróticos con nós mesmas como citas importantes (ou é que temos algunha razón para coidarnos ou desfrutarnos menos?); facer de Betty Dodson unha boa amiga; conversar con Lola Ferreiro sobre a saúde das mulleres (e sobre calquera outro tema); buscar e xerar materiar erótico no que nos sintamos representadas; xuntarnos con outras para ter un espazo común e falar e falar e falar, e desenvolver proxectos que nos potencien colectiva e individualmente.... E moitas máis!

Grazas a Acción Rabuda e á Universidade da Coruña por crear e apoiar estes espazos, e a Pablo Maribolherx polas imaxes. Seguiremos encontrándonos para espallar saúde e praceres!

martes, 8 de octubre de 2013

O autoerotismo ten cita na Lila-Ciranda!

Xa temos a cita para "Masturbación e boas linguas"! Será este Venres 11 de Outubro na Libraría Lila-Ciranda, ás 18:30h. A entrada é aberta e estades tod@s convidad@s.

Falaremos do proceso da convocatoria, do autoerotismo, do noso imaxinario... Proxectaremos as fotografías e sobre todo conversaremos nun espazo acolledor e íntimo como é esta Libraría de referencia.

Vémonos o venres!

Cartaz de Paulina Funes


miércoles, 1 de mayo de 2013

Da cita coas mulleres da Asociación Berenguela

Faláranme de que en Vedra había mulleres con moita enerxía para facer charlas, obradoiros... do que lles propuxeras. Comprobado! Mulleres participativas e abertas a falar, explorar e a contar e experimentar dende elas mesmas. Un grupo interxeracional no que falamos da sexualidade das mulleres antes e agora; do que nos agocharon e do que fomos investigando pola nosa conta; do noso corpo como un todo eróxeno; de diferentes etapas sexuais; de xoguetes cos que podemos xoguetear... Unha hora e media chegounos a pouco! Así que haberá un segundo encontro para explorar de forma máis rebelde, durante máis tempo, e con máis xoguetes en forma de tuppersex. Será un pracer!


Grazas Chío pola imaxe! 

viernes, 29 de marzo de 2013

Conversas e xoguetes no Proxecto Xanela da Muller Rural

Este mes de Abril temos unha cita en Vedra.

Tiven o gusto de ser convidada ao Proxecto Xanela da Muller Rural, para conversar sobre a nosa sexualidade nas relacións de parella. Falaremos dos nosos corpos, do noso sexo, de cómo nos vivimos e compartimos, e compartiremos claves positivas, experiencias... e todo o que xurda cos xoguetes na man, que é como mellor conversa unha.

Grazas ás mulleres da Asociación Berenguela pola Igualdade por pensarme dentro do Proxecto. Convidadísimas estades!

Encontrámonos o 20 de Abril en Vedra!